Viaxar soa?

xoves, 13 de Xullo de 2023

Charla coa viaxeira e cooperante Paula Paz

O mércores 19 de xullo ás 19:30 horas a nosa sala multiusos da planta soto acollerá o faladoiro Viaxar soa? por parte da viaxeira e cooperante Paula Paz.

Paula Paz (Neda, 1985), a pesar de ser unha nena con moito medo sorprendeu a todos marchando a vivir 6 meses en Bolivia con tan só 21 anos. A partir de entón viaxou soa como mochileira por varios países de latinoamérica mentres traballaba como cooperante: Perú, Arxentina, Uruguai, Nicaragua, Guatemala, El Salvador, Honduras, Costa Rica, Panamá, Belize, Cuba e México. Tamén percorreu a costa este de EEUU (Miami, Orlando, Washington e Nova Iork).

De volta a España percorreu soa nunha moto de 125cc toda a península. A súa última viaxe fíxoa hai só uns meses a Marrocos, desta volta nunha moto máis grande (500cc).

Agora planea novas aventuras con e sen moto. Turquía e Escocia están nos primeiros postos da súa lista de destinos, aínda que polo momento nin ela mesma sabe onde acabará.

O obxectivo da súa charla Viaxar soa? é contar a súa experiencia persoal, motivar e dar ferramentas e confianza ás mulleres que queren viaxar soas e, sobre todo, ás que cren que "non poden".

En palabras da propia Paula Paz unha das cousas que máis atopo cando digo que viaxo soa é a outras mulleres dicíndome: "Soa? Eu non podería...!" E está ben se non queres viaxar só/soa, máis que ben! Pero se queres ou tes curiosidade... Podes! Por suposto que podes! Moita xente cre que viaxar só é para persoas aventureiras e arriscadas que non teñen medo ou que chegaron a unha paz espiritual mística consigo mesmas. Ningún dos dous é o meu caso. Ben, aventureira si, e valente, pero con medo. Sempre digo que son a valente máis medosa que coñezo. Esta charla non pretende só falar do marabilloso que é viaxar, que o é, senón tamén de como afrontar os retos que se presentan no camiño. E todo isto con humor e as anécdotas máis pintorescas. Anímaste?

A charla está aberta ao público en xeral ata completar o aforo dispoñible da sala.

 

 

Etiquetas: 
Viaxes
Mulleres viaxeiras
Charlas