Presentación do proxecto "Masterpiece" do grupo Pintuzapos

mércores, 31 de Xaneiro de 2024

Ven coñecer o robot co que este grupo de nenos e nenas competirá na First Lego League.

O vindeiro sábado 10 de febreiro a biblioteca convertirase en escenario dunha fascinante fusión de tecnoloxía, innovación e arte coa presentación do robot co que o grupo Pintuzapos participará este ano na First Lego League.

A FLL é unha competición de robótica e innovación que fomenta as vocacións científico-tecnolóxicas entre nenos e nenas de 4 e 16 anos. Cada ano ofrece un novo desafío para os equipos participantes co obxectivo de estimular a súa creatividade. Este ano o proxecto céntrase na relación entre arte e tecnoloxía.

Ferrol acollerá o vindeiro 2 de marzo a competición da First Lego League de Galicia e unha das partes importantes da valoración dos proxectos é o impacto real que estes teñen na sociedade.

O grupo Pintuzapos, formado por nenos e nenas entre 10 e 13 anos de diferentes vilas da nosa contorna, participa cun proxecto que permite ás persoas visitantes interactuar cunha serie de robots e instrumentos tecnolóxicos para poder crear pequenas obras de arte.

Algúns dos nenos/as do grupo participaron xa outros anos na competición pero para a maioría esta será a súa primeira vez, o que fai este evento aínda máis emocionante.

Eles e elas queren convidar a toda a cidadanía a experimentar con este proxecto o sábado 10 de febreiro. Podedes pasar entre as 11:00 e as 12:30 pola sala multiusos da planta soto da biblioteca para formar parte desta marabillosa experiencia e presenciar a maxia da combinación entre arte e tecnoloxía. Agardámosvos!