Presentación de "El eco de tu voz"

venres, 9 de Setembro de 2022

O escritor Juan Galán presenta a súa segunda novela na biblioteca

O mércores 14 de setembo ás 19:00 horas a sala multiusos da planta soto da biblioteca recibirá ao escritor Juan Galán, que ven presentar o seu libro El eco de tu voz. Galán naceu na Coruña en 1961 e reside actualmente na vila de Ares. Comezou a súa carreira literaria coa publicación en 2021 da novela histórica Romanza de los naranjos en flor (Editorial Letrame), unha novela ben documentada que trata sobre os campos de concentración e a represión dos republicanos en Galicia durante a Guerra Civil.

El eco de tu voz (Editorial Medulia, 2022) narra a historia de Adela contada a través da súa propia voz e da de outras mulleres que pasan pola súa vida. É tamén a historia dun amor apaixoado entre Fabiana Ponte (anarquista e avoa de Adela) e a escritora británica Virginia Woolf, trama que se desenvolve na Coruña no ano 1916.

En palabras do propio autor, El eco de tu voz “trata da emancipación da muller e, especificamente, da independencia que a muller escritora debe ter para crear”.

No acto de presentación do libro Juan Galán estará acompañado da escritora naronesa María Isabel Ramos Breijo.

 

 

Etiquetas: 
Presentacións de libros
Encontros co autor
Biblioespazo 2022