Presentación de “¿Dónde está mi nombre? / Onde está o meu nome?”

martes, 8 de Agosto de 2023

A naronesa Sara González Veiga presenta na biblioteca as dúas versións do seu conto infantil

O mércores 16 de agosto ás 19:30 horas a escritora naronesa Sara González Veiga achegarase á biblioteca para presentar ao público o conto infantil que acaba de publicar tanto en galego coma en castelán ¿Dónde está mi nombre? / Onde está o meu nome?

Sara González Veiga (Narón, 1997) comezou coa súa faceta de escritora no CEIP Isaac Peral e no IES Saturnino Montojo. Neste centro participou en concursos de relatos que o Departamento de Lingua galega organizaba no marco das celebracións do 8M. A maioría dos seus textos tiñan a violencia de xénero como elemento común, tema tamén presente nos seus dous primeiros libros publicados Escenas de una vida entre líneas (Editorial Tepublicamos, 2021) e La intensidad del alma (Círculo Rojo, 2022), pezas para público adulto.

A obra de González Veiga está inspirada nas propias historias da vida e, en gran parte, na influencia da música. Nos seus textos podemos atopar numerosas citas musicais.

Co libro que agora nos presenta, Sara González fai a súa primeira incursión na literatura infantil. A autora parte dunha situación na que unha amiga súa que esperaba un bebé non tiña claro aínda que nome poñerlle. O conto, protagonizado por un elefante e unha cadela, narra a historia da busca deste nome nunha viaxe que parte de Galicia e pasa por Mérida e Grecia antes de volver á nosa terra.

Con esta historia a autora quere transmitir unha serie de valores en relación coa familia, a amizade ou o esforzo en lograr os teus soños. O libro está orientado a nenos e nenas a partir de 7 anos para unha lectura autónoma, aínda que tamén é recomendable para que os máis pequenos/as o escoiten da voz dos seus familiares.

O acto de presentación do libro está aberto ao público en xeral ata completar o aforo dispoñible da sala. As persoas que así o desexen poderán mercar un exemplar e levalo asinado pola autora.

 

 

Etiquetas: 
Presentación de libros
Encontros con autores/as. Biblioespazo 2023