Novas relativas á plataforma GaliciaLe

venres, 26 de Xuño de 2015

Principais novidades sobre a plataforma de préstamo de libros electrónicos

Dende o Servizo de Bibliotecas infórmannos sobre as novas relativas á plataforma de préstamo de libro electrónico GaliciaLe: 

Incorporación do libro interactivo Loboferoz ao catálogo do libro galego de GaliciaLe. Creado a partir do conto de OQO Editora, Loboferoz ten un formato enriquecido que ofrece funcionalidades como a lectura do propio conto, a visualización dun vídeo animado, a gravación polo lector de escenas teatrais cos personaxes do libro, a elaboración de cómics con eses personaxes ou a resolución de xogos e actividades lúdicas para varios tramos de idade.

Para gozar da interactividade de Loboferoz  é preciso descargar o visor OQO, aplicación dispoñible na propia plataforma de libro electrónico GaliciaLe en versións adaptadas para diferentes dispositivos e sistemas operativos (tabletas e teléfonos Android, PCs con Windows, Linux e Mac OS X). O usuario poderá acceder á ligazón de descarga do visor así como ao manual dende a propia ficha do libro en GaliciaLe.

Manual de uso dos libros interactivos de OQO

Acceso a 34 libros da Universidade de Santiago de Compostela, cedidos por esta para a súa incorporación ao catálogo do libro galego de GaliciaLe. Inclúe 27 títulos en galego (obras sobre física, arte, historia etc.) e 7 títulos en castelán relacionados con Galicia (estudos xacobeos, historia de Galicia...).

Migración do dominio .es a .gal: as páxinas públicas (a de benvida a GaliciaLe, o catálogo do libro galego, a páxina para o restablecemento de contrasinal etc.) xa se atopan baixo o dominio .gal. No caso de que aínda non poidades acceder a elas co dominio .gal recomendámosvos que as refresquedes xa que é posible que non a teñades actualizada na memoria caché do voso ordenador (para iso tan só é preciso pulsar F5 ou Ctrl + F5 no voso teclado).

Etiquetas: 
GaliciaLe
Préstamos
libro electrónico
Ebooks