Eu estiven alí, exposición fotográfica

mércores, 12 de Decembro de 2018

Fotografías de concertos de rock na sala de exposicións da biblioteca

A sala de exposicións da planta sótano da biblioteca acollerá dende o luns 17 de decembro ata o sábado 5 de xaneiro a exposición Eu estiven alí, unha colección na que o fotógrafo vigués Alberto Ladero plasma a súa afición pola música rock.

Ladero describe así a súa relación coas dúas artes, música e fotografía: “a través dos tempos vivín a música como algo primordial na miña vida, e non estou a falar só de rock. Sempre fun fiel seguidor da música en directo e sempre fun na procura dunha imaxe que a respaldase e que, dalgún xeito, fixese que eses efímeros momentos permanecesen na miña memoria. Non concibo a música sen a fotografía e por iso intento imprimila nas imaxes que capturo”.

A colección que nos amosa nestas datas na biblioteca recolle imaxes dalgún dos concertos aos que Ladero asistiu: Scorpions, Five Strings Band, Obús, OnFire, Dios Salve a la Reina, Los Secretos, Ses, Rosendo, Asfalto, The Grit, Europe, Window Pane, Iron Maiden, Vargas Blues Band, Raimundo Amador, Última Experiencia, Stoned at Pompeii, The Pretenders, Luz Casal, Rosario, Coque Malla e Miguel Ríos

O horario de visitas da exposición será o seguinte:
  • Luns 17 a venres 21: de 17:00 a 20:00 h.
  • Sábado 22: de 10:00 a 13:00
  • Mércores 26 a venres 4: de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 h.
  • Sábado 5: de 10:00 a 13:00 h.

 

 

Etiquetas: 
Exposicións
Fotografía
Alberto Ladero
Música
Rock
Concertos
Biblioespazo 2018