Celebra San Valentín deixándote conquistar por unha lectura

martes, 6 de Febreiro de 2024

Se buscas algo emocionante para celebrar San Valentín, ven á biblioteca e deixa que un libro misterioso te leve a unha cita literaria única.

Nunca se sabe onde podemos atopar o amor da nosa vida e moitas veces xorde da maneira máis inesperada.

Coa literatura pasa o mesmo que co amor; témonos que deixar de prexuízos, abrir as nosas miras e non xulgar a un libro pola súa portada cando todos e todas sabemos que a beleza está no interior.

Na biblioteca dámosche a oportunidade de namorarte nunha cita a cegas coa literatura.

 

A quen vai dirixida esta proposta?

público adulto, a partir de 16 anos.

Que se pretende?
  • Rachar prexuízos en canto a lecturas.
  • Dar visibilidade a obras que quedan eclipsadas entre novidades comerciais e literatura de moda.
  • Ofrecer a oportunidade de que un autor ou autora descoñecidos che sorprendan.
  • Descubrir o interese por novas disciplinas.
En que consiste a cita a cegas?

Dende o venres 9 ao sábado 17 de febreiro (ata esgotar os exemplares) haberá unha selección de libros agardando por unha cita contigo.

Os libros estarán envoltos para que non poidas ver de que exemplar se trata. No envoltorio levarán unha serie de pistas en forma de etiquetas para que che sexa máis doado decidirte por un ou por outro.

Entre os libros seleccionados haberá unha gran diversidade de autores/as, xéneros, temáticas e formatos.

Escolle un e lévao para a túa casa, amósalle ese espazo no que te sintes cómodo/a para ler, desvísteo e déixate seducir.

A maxia de abrir un libro sen coñecer previamente a súa historia pode levar a descubrimentos literarios insospeitados e, quen sabe, pode que a descubrir o amor polas letras dun novo xeito.

Esperamos que consigas o ansiado frechazo literario!

 

NOTAS:

A Axencia de lectura da Gándara ofrecerá tamén esta proposta do venres 9 ao venres 16 de febreiro no seu horario de apertura (de 17:00 a 19:00 horas). Lembra que co teu carné da Rede de bibliotecas podes facer uso tamén deste dispositivo.

 

 

Etiquetas: 
Cita a cegas
Sorpresa
San Valentín
Recomendacións