Día de Rosalía 2023 - Lectura pública da súa obra

Data: 
sábado, 25 de Febreiro de 2023
Lugar: 
Biblioteca Pública Municipal de Narón

Lectura pública de textos de Rosalía de Castro o sábado 25 de febreiro ás 12:00 h.

Numerosos concellos, entidades culturais, museos, centros educativos e bibliotecas de toda Galicia celebramos cada 23 de febreiro o Día de Rosalía por ser esta a data do seu nacemento en 1837.

Dende Narón sumámonos á proposta que fai a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega de homenaxear á nosa máis internacional poeta agasallando cunha unha flor no día do seu aniversario. Deste xeito, cada persoa que o xoves 23 leve en préstamo unha obra en lingua galega en calquera dos tres dispositivos bibliotecarios municipais recibirá de agasallo un caravel vermello.

A esta proposta únense oito librerías do noso concello, que tamén agasallarán cun caravel ás persoas que merquen un libro en galego no Día de Rosalía. As librerías colaboradoras son Librería Day, Librería Nova, Librería Contos, Librería Nany, Librería Merche, Librería Albatros, Librería Fina e Librería Pasapáxina.

Lectura pública da obra de Rosalía de Castro.

Nas dúas anteriores edicións desta efeméride adaptamos o acto de lectura pública ás condicións sanitarias derivadas da COVID19. Numerosas persoas uníronse á proposta enviando vídeos da súa lectura para seren publicados nun vídeo homenaxe conxunto que podedes ver aquí:

Día de Rosalía 2021.

Día de Rosalía 2022.

Este ano retomamos o carácter presencial da homenaxe. O sábado 25 de febreiro ás 12:00 da mañá a planta baixa da biblioteca será escenario do acto de lectura pública de textos de Rosalía de Castro no que participarán a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de cultura, Olga Ameneiro.

A Asociación de escritores e escritoras en lingua galega escolleu este ano a Carme Adán para a redacción do Manifesto do Día de Rosalía, texto que será lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen á celebración desta data. A encargada de dar lectura a este fermoso texto na biblioteca será a mestra Julia Rodríguez Márquez, nomeada como Muller do ano en Narón en 2020.

O acto está aberto a todas as persoas que queirades participar. Para facelo podedes traer os textos escollidos ou ben ler algún dos que a biblioteca selecciona e pon á vosa disposición.