Día de Rosalía en Narón

Lunes, 17 de Febrero de 2020

Celebración do Día de Rosalía na rede bibliotecaria municipal

O 24 de febreiro, coincidindo coa data de nacemento de Rosalía de Castro en 1837, os concellos, entidades culturais, bibliotecas e museos de Galicia celebran o Día de Rosalía, unha data na que se reivindica a figura da nosa poeta máis internacional.

Cada ano a AELG (Asociación de escritores e escritoras en lingua galega) escolle unha persoa como encargada de redactar o manifesto homenaxe a Rosalía de Castro, texto que protagoniza todos os actos oficiais da propia entidade e doutras institucións.

Narón forma parte dos concellos que celebran esta data de maneira oficial. Para este ano as actividades conmemorativas están centradas na Rede bibliotecaria municipal, onde terán lugar os seguintes actos:

Na biblioteca central do Alto:

Venres 21 de febreiro ás 19:00 h: Faladoiro/obradoiro: De Rosalía de Castro a hoxe, a escrita feminista en Galicia.

A cargo de María Reimóndez. Actividade para público xuvenil e adulto.

Tomando como punto de partida a escrita de Rosalía de Castro, este obradoiro interroga as dificultades, silencios e logros das escritoras feministas en Galicia. O seu enfoque é participativo e de traballo cos textos das autoras, co fin de que as persoas asistentes poidan obter unha imaxe máis completa do sistema literario galego e unha visión máis certeira de ata que punto a escrita é fundamental para transformar a sociedade.

 

Sábado 22 de febreiro ás 11:15 h: Obradoiro de marcapáxinas de Rosalía de Castro. 

Actividade destinada a nenos e nenas a partir de 3 anos. Para participar é necesario inscribirse a partir do martes 18 de febreiro na sala de adultos/as ou chamando ao 981382173 en horario de apertura.

 

Sábado 22 de febreiro ás 12:00 h: Lectura pública da obra de Rosalía de Castro.

Acto aberto a toda a cidadanía que contará coa presenza da alcaldesa, Marián Ferreiro, e da escritora e traductora María Reimóndez, que será a encargada de ler o fermoso manifesto da AELG redactado por Daniel Asorey. A continuación todas as persoas que o desexen poderán ler un poema ou fragmento da obra de Rosalía de Castro, traendo o texto dende a casa ou seleccionando calquera dos que a biblioteca terá preparados.

Colaborará o alumnado da Escola de formación de actrices e actores de Narón.

Sábado 22 de febreiro (tras o acto de lectura pública).

Plantación no parque da Rúa Rosalía de Castro (A Gándara) dun fillo da figueira da Casa-Museo de Rosalía, doado pola Fundación Rosalía de Castro.

 

Na Ludoteca-Axencia de lectura da Solaina:

Venres 21 de febreiro  de 16:00 a 18:00 h: Xogo Rosalía de Castro.

Actividade para nenos e nenas de 7 a 12 anos. Elaboración dun xogo de mesa que permita aos nenos e nenas coñecer máis de preto a vida e obra da escritora, e a súa aportación á literatura e cultura galega.

O traballo formará parte dun xogo que se continuará elaborando no mes de marzo no que se recollerán máis figuras femininas que loitaron polos dereitos e liberdade das mulleres.

 

Ademáis, durante o venres 21 e o sábado 22 de febreiro agasallarase cunha flor:
  • Na rede bibliotecaria municipal (Biblioteca central, Axencia de lectura da Gándara e Ludoteca-Axencia de lectura da Solaina) a todas as persoas que leven en préstamo un libro en galego.
  • Nas oito librerías naronesas colaboradoras: a todas as persoas que merquen un libro en galego (Librerías colaboradoras: Day, Nova, Contos, Nany, Merche, Albatros, Fina e Pasapáxina).

 

 

Etiquetas: 
Día de Rosalía
lectura pública
Obradoiros
Marcapáxinas
Biblioespazo 2020