VII Feira-mostra do libro usado e de segunda man

luns, 25 de Marzo de 2019

Participa nesta actividade que celebra xa a súa sétima edición

 

En abril de 2013 celebramos por primeira vez a Feira-Mostra do libro usado e de segunda man, que tras o éxito dos anos anteriores celebra en 2019 a súa sétima edición.

Ao igual que nos pasados anos, enmarcamos esta actividade en abril, mes do libro, concretamente entre o luns 22 e o venres 26 (ambos incluídos) de 17:00 a 20:00 horas.

Se tes un lote de libros que xa non che fai falta, a biblioteca ofréceche a oportunidade de vendelos ou trocalos, para o que che asignará un posto de venda e troco na planta baixa do edificio. Só haberá dez postos, así que as persoas interesadas deberedes:

  • Solicitar a participación na actividade mediante a presentación dunha  instancia no Rexistro Xeral do concello a partir do luns 1 de abril. Os postos outorgaranse por rigorosa orde de entrada das instancias no rexistro.
  • Expoñer un mínimo de 25 exemplares cada día.
  • Cumprir os horarios establecidos para a actividade.
  • Facilitar ao final de cada xornada os datos de vendas e trocos para elaborar a estatística.

Para participar como expositor/a é necesario estar dado/a de alta como usuario/a na red de bibliotecas o día da apertura do prazo de solicitude e non ter pendente ningunha sanción. Deberán absterse de participar aquelas persoas relacionadas co sector editorial, distribuidor ou libreiro, así como coa actividade económica de mercado de compravenda.

Anímate a participar!

Para máis información diríxete ao mostrador da biblioteca, chama ao 981382173 ou escribe a biblioteca.central@naron.es

 

 

Etiquetas: 
Feira-mostra
Día do libro
Compravenda
Biblioespazo 2019