Un ano máis, préstamos sorpresa!

luns, 21 de Decembro de 2015

Un ano máis, e ante o éxito das pasadas edicións, retomamos o préstamo dos lotes sorpresa durante o Nadal.

Que é?

Trátase dunha actividade só para nenos e nenas aventureiros/as aos que non lles asusten os novos retos.

Na biblioteca temos preparados distintos lotes con documentos (libros, CDs, DVDs…) que seleccionamos especialmente para vós pola súa calidade estética ou literaria. Os lotes están clasificados por idades, aínda que xa sabedes que o da idade é máis ben orientativo.

En que consiste a actividade?

Cada vez que veñas á biblioteca para levar libros á casa poderás elexir a cegas un número de lote, do que descoñeces o contido. O reto é que non abras o paquete ata chegar á túa casa. Dentro atoparás unha serie de contos, libros didácticos, películas, músicas.. (o contido varía en cada lote) seleccionados polo persoal da biblioteca.

Xa sabemos que nalgúns casos pode que o que seleccionamos non coincida moito cos teus gustos, pero tan só pedimos que fagas un pequeno esforzo para abrir a túa mente a novas experiencias e temáticas que ao mellor ata o de agora nunca exploraches.

Dentro de cada paquete vai ademáis unha pequena ficha dos materiais que contén. Podes empregar esa mesma folla pola parte de atrás para contarnos se o que atopaches dentro do paquete che gustou.

Que che pedimos a cambio?

  • O compromiso de non abrir o paquete ata chegar á túa casa.
  • O esforzo de botarlle un ollo a todos os materiais aínda que penses que non che van gustar.
  • Que nos devolvas a folla (a mesma que vai dentro do lote ou calquera outra se o prefires) e nos indiques nela se os materiais que seleccionamos che gustaron ou non. Non teñas medo! Aceptamos todo tipo de críticas negativas!

Anímaste?

Esperámoste na biblioteca dende o martes 22 de decembro ata o martes 5 de xaneiro no noso horario de apertura habitual.

A biblioteca estará pechada:

  • Xoves 24 de decembro
  • Venres 25 de decembro
  • Sábado 26 de decembro
  • Xoves 31 de decembro
  • Venres 1 de xaneiro
  • Sábado 2 de xaneiro
  • O martes 5 a biblioteca pecha ás 20:00 horas.

 

 

Etiquetas: 
Préstamos
lotes sorpresa
Nadal