Retomamos as nosas actividades permanentes

martes, 17 de Setembro de 2019

Damos comezo á nova tempada de actividades para adultos/as

Despois da pausa do verán, este mes de outubro retomamos as tres actividades permanentes que a biblioteca ofrece ao público adulto:

Club de lectura:

Seguirémonos reunindo un martes ao mes para comentar lecturas comúns.

O luns 23 de setembro ás 16:00 horas abrimos o prazo de inscrición nesta actividade, na que ofertamos 12 prazas que se outorgarán por orde de inscrición. A inscrición pode facerse de maneira presencial ou telefónica chamando ao 981382173 en horario de apertura.

A partir do mesmo día no que se abre o prazo de inscrición as persoas que acaden praza poden levar a primeira das lecturas, que se comentará na xuntanza de outubro (martes 22 de outubro de 19:00 a 20:30 h).

 

Clases de español para persoas estranxeiras:

Dende  marzo deste ano a Biblioteca imparte, dentro do seu programa Biblioespazo 2019, clases de español para persoas estranxeiras.

As clases impártense na sala multiusos da segunda planta da biblioteca, todos os xoves de 19:30 a 21:00 horas.

As persoas interesadas en participar nesta actividade poden inscribirse a partir do luns 23 de setembro ás 16:00 horas. Haberá un total de 10 prazas dispoñibles que se outorgarán por rigurosa orde de inscrición. O resto das persoas inscritas quedarán en lista de espera. A inscrición pode facerse de maneira presencial ou telefónica chamando ao 981382173 en horario de apertura.
 
Para favorecer a participación das persoas máis desfavorecidas non se esixirán datos sobre a súa situación legal.

 

Mesas de conversa en inglés:

Actividade que prestamos dende outubro de 2017 e que ten como finalidade mellorar o nivel de expresión oral en inglés.

Desenvólvense todos os luns en dúas sesións:

  • 17:15 a 18:15
  • 18:15 a 19:15

Trátanse de sesións soltas para as que cada persoa ten que reservar a súa praza cada vez que queira participar. Abrimos a lista de inscrición para cada luns o mércores anterior ás 9:30 horas. As persoas interesadas poden inscribirse de maneira presencial ou telefónica en horario de apertura da biblioteca.

O mércores 2 de outubro abrimos o prazo de inscrición para as primeiras sesións deste trimestre (as do luns 7 de outubro).

 

Todas as actividades deste programa son de balde.

 

 

Etiquetas: 
Club de lectura
Mesas de conversa en inglés
Clases de español para persoas estranxeiras
Biblioespazo 2019