Presentación de "Árboles con historia, 101 historias de árboles"

venres, 24 de Febreiro de 2023

A nova obra de Tomás Casal preséntase o venres 3 de marzo na biblioteca.

O naronés Tomás Casal Pita presenta o venres 3 de marzo ás 19:00 horas a súa obra Árboles con historia, 101 historias de árboles, unha colección de 101 pezas narrativas que vinculan unha serie de árbores coa historia da propia humanidade.

O percorrido desta obra vai dende a Grecia clásica ata a actualidade máis recente parándose en diferentes épocas como a conquista de América, a Francia revolucionaria ou a construción da actual Europa. Nestas narracións atoparemos árbores de todo o mundo, algunha delas en Galicia e, como non, en Narón.

Esta obra editada por Aliar Ediciones é a segunda escrita en solitario por Tomás Casal, que publicou anteriormente Notas históricas sobre Valdoviño (1836-1936), ademais de ser coautor doutras publicacións como Narón en verde, árbores, A magnolia de Santa Rita e a cultura verde en Narón e La fábrica de Jubia y sus alrededores.

O autor é membro fundador da Asociación galega da camelia onde foi editor da revista Camelicultura. Colaborou tamén en revistas de ámbito local (Columba Revista Cultural, Revista de Neda…) e nacional (Revista Camelia, Práctica Urbanística).

O acto de presentación de Árboles con historia, 101 historias de árboles celebrarase na sala multiusos da planta soto da biblioteca. A entrada é libre ata completar o aforo dispoñible.

 

 

 

Etiquetas: 
Presentacións de libros
Encontros con autores
Biblioespazo 2023