Préstamos sorpresa 2020

venres, 18 de Decembro de 2020

Novos lotes de contos, DVDs, CDs e máis documentos para levar en préstamo a cegas durante este Nadal.

Sétima edición dos préstamos de lotes sorpresa durante o Nadal.

Que é?

Trátase dunha actividade só para nenos e nenas aventureiros/as aos que non lles asusten os novos retos.

Na biblioteca temos preparados distintos lotes con documentos (libros, CDs, DVDs…) especialmente seleccionados pola súa calidade estética ou literaria. Os lotes están clasificados por idades, aínda que xa sabedes que o da idade é máis ben orientativo.

En que consiste a actividade?

Cada vez que un neno ou nena veña á biblioteca para levar libros á casa poderá elexir a cegas un número de lote, do que descoñece o contido. O reto é que non abra o paquete ata chegar á casa. Dentro atopará unha serie de contos, libros didácticos, películas, músicas… (o contido varía en cada lote) seleccionados polo persoal da biblioteca.

Xa sabemos que nalgúns casos pode que o que seleccionamos non coincida moito cos seus gustos, pero tan só pedimos un pequeno esforzo para abrir a mente a novas experiencias e temáticas que ao mellor ata o de agora nunca explorou.

Que lles pedimos a cambio?

► O compromiso de non abrir o paquete ata chagar á casa.

► O esforzo de botarlle un ollo a todos os materiais aínda que pense que non lle van gustar.

► Que nos escriba unha nota e indique nela se os materiais que seleccionamos lle gustaron ou non. Sen medo! Aceptamos todo tipo de críticas!

Participas?

Esperámoste na biblioteca dende o luns 21 de decembro ata o sábado2 de xaneiro no noso horario de apertura habitual.

 

Ademáis dos días festivos a biblioteca estará pechada:

  • Xoves 24 de decembro.
  • Xoves 31 de decembro.

 

 

Etiquetas: 
Préstamos sorpresa
Seleccións
Nadal
Biblioespazo 2020