Préstamos sorpresa 2016

martes, 20 de Decembro de 2016

Novos lotes de contos, DVDs, CDs e máis documentos para levar en préstamo a cegas durante este Nadal.

Por cuarto ano consecutivo retomamos o préstamo dos lotes sorpresa durante o Nadal.

Que é?

Trátase dunha actividade só para nenos e nenas aventureiros/as aos que non lles asusten os novos retos.

Na biblioteca temos preparados distintos lotes con documentos (libros, CDs, DVDs…) especialmente seleccionados pola súa calidade estética ou literaria. Os lotes están clasificados por idades, aínda que xa sabedes que o da idade é máis ben orientativo.

En que consiste a actividade?

Cada vez que un neno ou nena veña á biblioteca para levar libros á casa poderá elexir a cegas un número de lote, do que descoñece o contido. O reto é que non abra o paquete ata chegar á casa. Dentro atopará unha serie de contos, libros didácticos, películas, músicas.. (o contido varía en cada lote) seleccionados polo persoal da biblioteca.

Xa sabemos que nalgúns casos pode que o que seleccionamos non coincida moito cos seus gustos, pero tan só pedimos un pequeno esforzo para abrir a mente a novas experiencias e temáticas que ao mellor ata o de agora nunca explorou.

Dentro de cada paquete vai ademáis unha pequena ficha dos materiais que contén. O neno ou nena pode empregar esa mesma folla pola parte de atrás para contarnos se o que atopou dentro do paquete lle gustou.

Que lles pedimos a cambio?
  • O compromiso de non abrir o paquete ata chagar á casa.
  • O esforzo de botarlle un ollo a todos os materiais aínda que pense que non lle van gustar.
  • Que nos devolva a folla (a mesma que vai dentro do lote ou calquera outra se o prefire) e nos indique nela se os materiais que seleccionamos lle gustaron ou non. Sen medo! Aceptamos todo tipo de críticas negativas!
Participas?

Esperámoste na biblioteca dende o xoves 22 de decembro ata o xoves 5 de xaneiro no noso horario de apertura habitual.

A biblioteca estará pechada:

  • Sábado 24 de decembro
  • Sábado 31 de decembro
  • O xoves 5 de xaneiro a biblioteca pecha ás 20:00 horas.

 

Etiquetas: 
Préstamos sorpresa
Lotes
Seleccións
Biblioespazo 2016