Os préstamos na Desescalada

domingo, 10 de Maio de 2020

Como vai estar organizado o servizo de présamo de materiais da biblioteca a partir de agora

Para prestar este servizo coa máxima seguridade para os usuarios/as e o persoal da biblioteca establécense unha serie de obrigatoriedades e recomendacións:

  • É obrigatorio desinfectar as mans (ou as luvas no caso de traelas postas) antes de entrar na sala. Para iso facilitaremos unha solución hidroalcólica na entrada da biblioteca.
  • Por favor, entra e permanece na sala con cubrebocas.
  • É recomendable non levar enriba máis que o indispensable (non pasar con bolsas da compra, con xoguetes, paraugas…).
  • Todas as persoas deberán gardar a distancia de dous metros de separación entre elas.
  • interacción co persoal do mostrador de préstamo deberá facerse só nos puntos onde haxa unha mampara de protección.
  • É obrigatorio, coma sempre, vir provisto/a do carné da biblioteca para levar materiais en préstamo.
  • O servizo vaise atender de maneira individual polo que recomendamos non vir con máis dun neno/a, en grupo ou en familia.

O servizo de préstamo vai experimentar algún cambio durante as vindeiras fases da desescalada:

É posible, sobre todo durante as primeiras semanas, que a demanda deste servizo sexa moi superior á habitual. Por favor, tede en conta que cada persoa terá que agardar a súa quenda mantendo a distancia de dous metros.

As persoas usuarias non van ter acceso libre aos materiais da biblioteca, terán que solicitalos no mostrador e será o persoal da biblioteca quen llelos proporcione.

Nunha primeira etapa non será posible facer reservas de materiais xa que estes, unha vez devoltos, deberán pasar un período de corentena. Na biblioteca teremos habilitado un espazo para que os libros e outros documentos pasen eses días illados sen contacto nin co persoal, nin cos usuarios/as nin con outros materiais.

Os materiais que estean dispoñibles para o préstamo en cada momento serán os que xa estiveron na biblioteca durante o período de confinamento ou aqueles que xa teñan pasado o período de corentena. Porén, para maior seguridade é recomendable que cada persoa os deixe sen tocar durante 72 horas ao chegar a casa.

O período de corentena establecido para os materiais devoltos vai facer que moitos deles queden bloqueados durante 14 días sen poder ser utilizados. Para axilizar este servizo é recomendable:

  • Que cada persoa teña elaborada unha lista de lecturas desexadas para ter varias alternativas no caso de que os materiais do seu interese estean prestados ou bloqueados pola corentena.
  • Tendo en conta que cada material prestado terá un prazo de 21 días ata a súa devolución ao que terá que sumarse o período de corentena (14 días), agradecemos que os devolvades tan pronto como vos sexa posible.

 

 

Etiquetas: 
Préstamos
Fase 1
COVID-19