Os máis prestados Abril-Xuño 2014

luns, 30 de Xuño de 2014

Por primeira vez a lista dos libros máis prestados na nosa biblioteca está encabezada por unha saga de literatura xuvenil.

Esta é a lista dos libros máis solicitados na nosa biblioteca durante o último trimestre:

  1. Divergente, de Veronica Roth.
  2. El juego de Ripper, de Isabel Allende.
  3. Juego de tronos, de George R.R. Martin.
  4. La jungla de los listos, de Miguel Ángel Revilla.
  5. Dispara, yo ya estoy muerto, de Julia Navarro.
  6. El mundo en tus manos : no es magia, es inteligencia social, de Elsa Punset.
  7. Las tres bodas de Manolita, de Almudena Grandes.
  8. Los juegos del hambre, de Suzanne Collins.
  9. La felicidad es un té contigo, de Mamen Sánchez.
  10. El viaje de Tanaka, de David Cantero.

A publicación este ano no noso país de Leal, a terceira parte da saga Divergente de Veronica Roth, fixo espertar de novo o interese por esa serie de novelas de aventuras e ciencia ficción.

O mesmo ocorre coas sagas Juego de tronos e Los juegos del hambre (nos postos 3 e 8 da lista, respectivamente), cuxas  adaptacións cinematográficas animan a ler as obras orixinais para facer a inevitable comparación entre libro e película.

Completando os primeiros postos atópanse tres libros que xa figuraban na lista do trimestre anterior: El juego de Ripper, de Isabel Allende, mantén o seu interese e incluso sube tres postos. Aínda que baixa tres postos (encabezaba a lista anterior), La jungla de los listos, de Miguel Ángel Revilla segue sendo dos libros máis solicitados na biblioteca dende xaneiro deste ano.  Dispara, yo ya estoy muerto, de Julia Navarro, non só está na lista dende setembro de 2013 senón que neste último trimestre experimentou un repunte e foi incluso máis prestado que durante o anterior.

Catro novidades destre trimestre entraron directamente na lista:

El mundo en tus manos, un libro sobre habilidades sociais e autoestima da televisiva Elsa Punset, cuxo anterior libro Una mochila para el universo, tamén foi dos máis solicitados no seu momento (ano 2012).

Las tres bodas de Manolita, de Almudena Grandes. Unha novela ambientada na postguerra española, a cuarta parte do proxecto “Episodios de una Guerra Interminable”, que previsiblemente contará con dous títulos máis.

La felicidad es un té contigo, de Mamen Sánchez, é unha novela lixeira (definida polas críticas como “lectura de verán”) chea de humor absurdo e enredo.

Pecha a lista El viaje de Tanaka, do periodista David Cantero, unha novela sobre a angustia da vellez, o deterioro e a morte ambientada en Xapón, país con cada vez menor tasa de fertilidade e maior esperanza de vida, que ve como a súa poboación envellece a pasos axigantados.

Con todo, o dato máis chamativo da lista dos libros máis prestados entre abril e xuño non son os títulos que aparecen nela senón os que deixan de aparecer. Por primeira vez dende 2012, a triloxía Cincuenta sombras de Grey  deixa de estar entre os libros máis solicitados na nosa biblioteca.  Veremos se o estreno da súa adaptación cinematográfica, previsto para febreiro de 2015, volve poñer de moda esta saga que revolucionou nestes dous últimos anos o xénero erótico.

Etiquetas: 
Biblioteca de Narón
Libros
Préstamos
Solicitudes