Os libros máis solicitados durante 2015 na nosa biblioteca

martes, 12 de Xaneiro de 2016

Presentámosvos a lista dos libros que máis interese suscitaron entre o público da nosa biblioteca. Son os libros máis prestados e reservados do ano 2015.

O finalista do Premio Planeta 2014, publicado a finais do mesmo ano, foi o libro máis prestado na nosa biblioteca durante 2015. Mi color favorito es verte é unha novela autobiográfica da xornalista e escritora Pilar Eyre , que segue o relato da súa vida en Nomeolvides, novela publicada a finais de 2015 e que tedes xa dispoñible na biblioteca.

Dende que publicou en 2009 a súa primeira novela, El tiempo entre costuras, María Dueñas fíxose cun grande número de seguidores e seguidoras, expectantes de cada unha das súas novas publicacións. Houbo que esperar tres anos ata poder disfrutar da segunda, Misión Olvido, e outros tres ata que chegou ás nosas estanterías La templanza, que é o segundo libro máis prestado na nosa biblioteca e o que máis lista de espera chegou a formar durante 2015.

Outra muller continúa a lista dos libros máis prestados. Trátase de Anna Romer, que coa súa primeira novela, Una casa en Thornwood, conseguiu atrapar a moitos lectores/as nun mundo de secretos, intriga e amor que engancha dende o principio. Durante 2016 teremos a sorte de contar cun novo título desta autora australiana (Cartas desde Tasmania).

Arturo Pérez-Reverte sorprendeunos durante 2015 cunha ficción histórica ambientada no século XVIII que conta cun bibliotecario como personaxe principal.  A obra narra a viaxe a París de Hermógenes Molina e o almirante Pedro Zárate co fin de adquirir un dos libros prohibidos pola Igrexa Católica en 1759: L'Encyclopédie. Hombres buenos sitúase no cuarto posto da lista.

El guardián invisible é o primeiro libro da Triloxía do Baztán, de Dolores Redondo. A saga continúa con Legado en los huesos e Ofrenda a la tormenta; este último publicado a finais de 2014. Os tres títulos figuran nos primeiros postos dos libros máis solicitados na biblioteca durante 2015, pero é o primeiro deles o que ocupa este quinto lugar.

O televisivo Boris Izaguirre posiciónase no sexto posto da lista con Un jardín al norte, unha novela que narra a vida de Rosalinda Fox, personaxe que inspirou a María Dueñas para a protagonista de El tiempo entre costuras.

Continua a lista a serie After, de Anna Todd, unha escritora primeriza que conectou dende o primeiro momento co público adolescente a través da historia de amor de Tessa e Hardin. Moi pronto teremos dispoñible o quinto libro da saga, que de seguro ha formar parte tamén da lista dos máis solicitados.

A trama da serie televisiva Rehenes (Hostages) lembra moito a El paciente, de Juan Gómez-Jurado. Posiblemente esta sexa unha das razóns polas que este libro tivo gran demanda na nosa biblioteca durante 2015 a pesar de non ser unha novidade editorial (publicouse a comezos de 2014). Unha vez máis vemos que o pulso da biblioteca late parello aos intereses persoais e de lecer dos seus usuarios/as.

De 2014 é tamén La herencia, de John Grisham. Moitas novelas deste autor, especialista en “ficción legal” son levadas ao cine en forma de películas tan recoñecidas como La tapadera, El informe Pelícano ou El cliente. Na nosa biblioteca podes atopar moitas das súas obras en castelán, inglés e incluso alemán.  Tamén temos dispoñible a súa última novela, El secreto de Grey Mountain.

Pecha a lista dos libros máis solicitados Crímenes que no olvidaré, a décima entrega da serie de novelas detectivescas Petra Delicado, da escritora manchega Alicia Giménez Bartlett. Durante 2015 a autora publicou ademáis Hombres desnudos, novela gañadora do último Premio Planeta.

 

 

Etiquetas: 
Préstamos
Libros
Solicitudes
2015