Makerspaces na biblioteca

xoves, 13 de Decembro de 2018

Compartimos espazos e aficións

A biblioteca quere promover en poñer en valor o seu carácter de praza pública e punto de encontro entre a cidadanía ofrecendo a partir de agora pequenos obradoiros colaborativos ou makerspaces.

Un Makerspace é un espazo que dota aos seus usuarios e usuarias de diferentes ferramentas para a creación de proxectos e desenvolvemento de habilidades de maneira individual ou colectiva. Un exemplo claro de makerspace poderían ser os tradicionais clubs de calceta, esas xuntanzas onde un grupo de mulleres (na súa maioría) se reúnen para compartir un espazo e un tempo para practicar unha afición común e axudarse unhas ás outras no desenvolvemento do seu pasatempo.

O movemento maker está tomando cada vez máis presenza nas bibliotecas públicas. Xa moitas ofrecen aos usuarios e usuarias ferramentas tecnolóxicas (impresoras 3D, cóitelos láser, soldadoras, máquinas de coser…) para crear, aprender, explorar e compartir os seus proxectos. Aínda así, a tecnoloxía non é un elemento indispensable para levar a cabo un makerspace; podemos poñelo en marcha simplemente se hai un grupo de xente cun interese común, uns materiais, un espazo dispoñible e moitas ganas de compartir.

Con esta inquedanza e agardando que nun futuro próximo poidan xurdir máis encontros baseados noutras disciplinas, arrancamos o primeiro e máis básico dos nosos makerspaces: un obradoiro de empaquetado creativo.

A idea é xuntarse o martes 18 de decembro a partir das 18:00 horas para compartir entre as persoas participantes a marabillosa, ilusionante e emotiva tarefa de empaquetado dos agasallos de Nadal. Teremos seleccionados uns cantos vídeos con exemplos de empaquetados orixinais, dos que poderemos tomar como modelo o que máis se axuste ás características dos nosos obxectos a envolver. Na biblioteca proporcionaremos materiais como papel, cintas, lazos, pegamento, tesoiras… pero cada persoa poderá traer tamén dende a súa casa os que lle apeteza empregar.

O prazo para inscribirse nesta actividade comeza o venres 14 de decembro ás 9:30 h. Podes inscribirte no mostrador da sala de adultos/as ou chamando ao 981382173 en horario de apertura.

 

 

 

Etiquetas: 
Nadal
Obradoiros
Makerspace
Biblioespazo 2018