Exposición fotográfica "Imaxes con Fondo"

mércores, 9 de Xullo de 2014

A nosa biblioteca acollerá dende mañá 10 de xullo ata o domingo 10 de agosto a exposición itinerante "Imaxes con Fondo", pertencente ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha asociación de Concellos e Deputacións de Galicia que, por medio do traballo en rede e co apoio institucional da Xunta de Galicia, leva 16 anos realizando proxectos de cooperación internacional, defendendo e promovendo os Dereitos Humanos Universais nos países menos desenvolvidos ou máis empobrecidos.

En 2012 o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade promoveu o concurso fotográfico Imaxes con Fondo como ferramenta para promover a reflexión e un cambio de actitude na cidadanía, apostando por condutas solidarias e respectuosas co entorno do planeta e coas persoas que nel habitan, a través da imaxe e da palabra (unha fotografía e un tweet explicativo de 140 caracteres).

O concurso dividiuse en dúas categorías:

  • Categoría xuvenil, dos 13 aos 17 anos, coa temática A solidariedade da sentido ás nosas vidas.
  • Categoría adultos/as, dos 18 en adiante, coa temática Cambia, reinvindica, constrúe.

Froito desta experiencia naceu a exposición itinerante Imaxes con Fondo. As imaxes que a compoñen son unha mostra dos traballos recibidos. As fotografías foron cedidas polas súas autoras e autores para continuar, a través desta recompilación, coa misión sensibilizadora que envolveu o concurso.

Dos 20 paneis que compoñen a exposición, 16 correspóndense á categoría de adultos/as e 4 á categoría xuvenil.

A exposición estará dispoñible na nosa biblioteca dende o 10 de xullo ao 10 de agosto, durante o horario de apertura habitual (horario de verán).

Neste ano 2014, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade abriu a segunda edición do concurso Imaxes con Fondo, dende o 24 de abril ao 15 de novembro. Podedes consultar as súas bases aquí.

Etiquetas: 
Biblioespazo 2014
Biblioteca de Narón
Exposicións
Fotografía