Eu leo, eu son Booktuber (2ª edición)

mércores, 14 de Setembro de 2016

Novos vídeos para estrear o Día da biblioteca

Como moitos/as saberedes, este ano abrimos unha canle en Youtube para que vos, os nosos usuarios e usuarias, faledes dos vosos libros favoritos e compartades as vosas experiencias lectoras.

Os primeiros vídeos desta canle publicáronse no marco das celebracións do Día do libro, en abril deste ano, e estiveron protagonizados por mozos e mozas da nosa biblioteca.

No mes de outubro tamén hai unha data moi significativa para conmemorar. O luns 24 celébrase o Día mundial das bibliotecas e é por iso que queremos dar novamente voz aos usuarios e usuarias da nosa, ofrecéndovos a posibilidade de participar e protagonizar novos vídeos de reseñas bibliográficas.

A que público vai dirixido?

Esta vez poderán participar persoas de todas as idades de maneira individual ou en grupos de ata 3 persoas.

Que faremos?

Gravaremos pequenos vídeos de entre 4 e 7 minutos de duración.

Cando?

Os vídeos gravaranse na biblioteca o sábado 15 de outubro pola mañá para seren presentados o sábado 29, data no que se concentrarán os actos de celebración do Día da biblioteca.

Cal será a temática dos vídeos?

Podes falar da túa temática literaria favorita, recomendar o libro que máis che gustou, facer unha reseña daquel outro que non che gustou nada, o teu “top-ten” literario…

Para participar:

Ponte en contacto canto antes coa biblioteca para inscribirte na actividade (chama ao 981 382 173 ou escribe a biblioteca.central@naron.es).

Hai un número limitado de prazas, pero recolleremos todas as solicitudes ata o martes 11 de outubro. Se chegado este día hai máis solicitudes que prazas teremos que facer unha selección.

Se queres ver o que será o resultado final desta actividade podes botar un ollo aos seis vídeos que xa temos colgados na canle Eu leo, eu son booktuber, protagonizados por usuarios e usuarias da biblioteca. Podes buscar ti mesmo/a máis vídeos de reseñas en Youtube para inspirarte e decidir como o queres facer.

 

 

Etiquetas: 
Youtube
Booktubers
Vídeos
Reseñas
Día da biblioteca 2016