Día de Rosalía de Castro

luns, 24 de Febreiro de 2014

Hoxe día 24 de febreiro conmemoramos o nacemento de Rosalía de Castro, unha das principais figuras da nosa literatura.

Rosalía está considerada coma a nai do Rexurdimento galego, xa que tivo a valentía de escribir na nosa lingua nun momento no que a maior parte da sociedade a desprezaba ou, no mellor dos casos, amosaba total indiferencia ante ela.

Para Rosalía a vida non foi de todo doada, tivo moitos pesares que a atormentaron e iso influiu moito na súa maneira de sentir, de pensar e de escribir. O seu carácter feminino e feminista está presente en poemas como o que vos deixo aquí:

Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai a compoñer cestos,
Xan vai a podalas viñas,
Xan vai a apañalo esterco,
e leva o fol ó muiño,
e trai o estrume ó cortello,
e vai á fonte por augua,
e vai a misa cos nenos,
e fai o leito i o caldo…
Xan, en fin, é un Xan Completo,
deses que a cada muller
lle conviña un polo menos;
pero cando un buscan un Xan
casi sempre atopa un Pedro.

Se queres coñecer máis sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro, achégate pola biblioteca para ver todos os recursos que temos dispoñibles. Durante esta semana terémolos expostos coma homenaxe a esta gran muller. Foto da exposición.

Ademáis, Rosalía está presente na obra doutros moitos artistas. A cantante galega Uxía adicoulle un disco con cancións inspiradas na súa figura e nos seus poemas.