Chegaron as vacacións! Imos de viaxe?

mércores, 18 de Xuño de 2014

Xa está aquí o verán, tempo de descansar, de ir á praia e de viaxar.  Xa sabes a onde? Na biblioteca temos á túa disposición guías de viaxe que che informarán dos puntos máis destacados para visitar no lugar ao que viaxes, ou mesmo poden axudarche a decidir destino se aínda non o tes moi claro.

Para viaxeiros con pouco tempo:

  • Colección “ El viajero city”: Unha colección de guías para escapadas de dous ou máis días ás principais capitais europeas:  Berlín, Venecia, Dublín, Florencia, Bruselas, Londres, Praga…

  • Europa en fines de semana: esta guía amósanos os 30 destinos máis representativos de Europa para coñecer en fins de semana e periodos cortos de tempo: Ámsterdam, Atenas, Barcelona, Budapest, Estocolmo, Lisboa, Moscú, Munich, Viena, Zúrich…

Para os que disfrutan de longos periodos de vacacións:

  • Lonely planet: os libros desta colección permiten ao viaxeiro coñecer a fondo calquera parte do mundo e aproximarse ás suas xentes e costumes. Son guías minuciosas e moi claras. Algúns dos destinos dos que dispoñemos son: Alemania, Grecia, Italia, Portugal…

  • National Geographic (Guías Audi): é outra das coleccións de referencia á hora de viaxar. Con estas guías sumérxeste no teu destino duhna maneira moi sinxela. París, Roma, Nueva York, Londres. Anímaste?

Para viaxeiros de orzamento axustado:

  • Colección “Low Cost” : porque a economía é sempre un gran condicionante para viaxar esta colección ofrécenos máis por menos cartos. Non é apetecible? Santiago de Compostela, A Coruña, Pamplona, Valladolid, Salamanca, Cantabria e Valencia son os destinos nacionais que podemos consultar, e Londres e Túnez os internacionais.

Para amantes da natureza:

  • Naturguías: o maior número de guías desta colección están referidos ao Camiño de Santiago (o Camiño Inglés, o Camiño Francés, o de Fisterra, o Camiño Primitivo), pero tamén nos suxire a ruta do mar de Arousa ou a Vía da Prata en Galicia. Aínda que a natureza é protagonista nestas guías, a arte da que nos fala tamén é un elemento a destacar nelas.
  • Los 100 mejores campings de España: nesta guía atoparás os 100 mellores campings de España, cunha ficha cos datos, servizos, mapas dos arredores e rutas de cada un deles.

  • Camiño de Santiago: temos diferentes títulos que che poden orientar para a preparación desta grande aventura: pobos polos que pasa, albergues, consellos sobre vestimenta,… Ven e consúltaos! É a mellor época do ano para emprender esta viaxe.

Para os que queren coñecer mellor Galicia:

  • Galicia enteira: Unha ducia de guías para percorrer polo miúdo os itinerarios de Galicia, dando cos lugares e as xentes que teceron os pequenos mitos galaicos.

  • Galicia a fondo: visita Galicia por núcleos xeográficos, indagando na historia, xeografía e arte do lugar.
  • Andaina: nesta colección atoparás rutas, guía de castros, ríos…Un xeito de coñecer a nosa terra diferente á habitual.

Para os que queren coñecer mellor España:

  • Descubrir España: esta colección amosa ao viaxeiro a gastronomía, arte, xeografía e lugares de interese de cada comunidade autónoma. Son guías breves e de fácil manexo.
  • Vive y descubre: aínda que tamén forman parte desta colección algúns destinos internacionais a maior parte son españois: Madrid, Donostia, Cáceres, Santander, Granada, Córdoba, Zaragoza…

Queres unha guía de viaxe máis visual e dinámica? Pois tamén dispoñemos na biblioteca de DVDs  de viaxes para que teñas unha idea máis clara do que vas atopar no teu destino.

Tamén podes consultar guías sobre os mellores hoteles de España, balnearios, paradores de turismo, festas…

Disfruta da viaxe, e se tes tempo non esquezas visitar a biblioteca do teu lugar de destino!

Etiquetas: 
Bibliografías
Biblioteca de Narón
Guías
Seleccións
Vacacións
Verán
Viaxes