Celebramos o Día de Rosalía

venres, 17 de Febreiro de 2017

Lectura pública de poemas de Rosalía de Castro o venres 24 de febreiro ás 12:00 da mañá

Numerosos concellos, entidades culturais, museos, centros educativos e bibliotecas de toda Galicia celebramos cada 24 de febreiro o Día de Rosalía por ser esta a data do seu nacemento en 1837.

Dende Narón sumámonos á proposta que fai a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega de homenaxear á nosa máis internacional poeta agasallando cun libro e unha flor no día do seu aniversario. Deste xeito, cada persoa que o venres 24 leve en préstamo unha obra en lingua galega recibirá un caravel vermello.

Ás 12:00 da mañá a planta baixa da biblioteca será escenario do acto de lectura pública de poemas de Rosalía no que participarán, entre outros concelleiros, o alcalde José Manuel Blanco e a concelleira de ensino e bibliotecas Mercedes Taibo. O acto está aberto a todas as persoas que queirades participar; para facelo podedes traer os textos escollidos ou ben ler algún dos que a biblioteca selecciona e pon á vosa disposición.

As celebracións oficiais do Día de Rosalía complétanse con outras propostas do Padroado de Cultura e das librerías de Narón que podedes consultar aquí.

 

 

Etiquetas: 
Rosalía de Castro
Día de Rosalía
lectura pública
poemas
Biblioespazo 2017