Bookcrossing, actividade para toda a familia o sábado 28 de decembro

mércores, 18 de Decembro de 2013

Que é o bookcrossing?

O bookcrossing é unha actividade que consiste en liberar libros en espazos públicos para que sexan atopados por outras persoas que, á súa vez, os deixen libres despois de lelos.

Podemos facer un seguimento dos nosos libros liberados, que nalgunhas ocasións poden chegar a dar a volta ao mundo.

Que faremos na biblioteca?

Dende a biblioteca organizaremos unha actividade global de liberación de libros no noso Concello, sendo as familias as protagonistas das liberacións.

Cada neno ou nena poderá elexir un libro que quera liberar. Este é un acto que pretende fomentar os valores de solidariedade e xenerosidade, polo que o ideal é que cada un libere un libro seu. No caso de non dispoñer de ningún libro para liberar ou non querer desprenderse de ningún, a biblioteca proporcionará exemplares para que todos e todas podan participar desta actividade.

Durante a mañá do sábado 28 en horario de 10:00 a 13:00 haberá unha persoa para explicarvos todo o proceso a seguir, rexistrar os libros que querades liberar e orientarvos sobre calquera dúbida.

En que consiste o “xogo”?

Nun primeiro momento liberaremos libros dende a conta que a biblioteca ten en www.bookcrossing.com e só dentro no noso municipio para que os nenos e nenas teñan máis doado atopar os libros liberados por outras persoas.

Cantas máis familias participedes na actividade, cantos máis libros haxa nas prazas, colexios, centros comerciais, pavillóns deportivos… máis posibilidades haberá de seguir xogando xa que será máis doado “cazar” algún deses libros.

Sobre que facer cos libros atopados e como liberalos despois tamén vos informaremos na mañá do sábado 28.

Esperamos que esta proposta vos resulte atractiva e pasedes unha boa xornada liberando e cazando libros en familia.