Bibliocalendario de advento

venres, 27 de Novembro de 2020

Cada día entre o 1 e o 24 de decembro destacamos un recurso da biblioteca relacionado co Nadal.

Este ano no que o Nadal se presenta dun xeito un tanto particular queremos contribuir a celebralo e vivilo coa mesma ilusión de sempre. A través da nosa páxina de Facebook ofrecerémosvos un Bibliocalendario de advento especialmente elaborado por nós para darvos a coñecer unha morea de recursos que podedes atopar na biblioteca relacionados co Nadal. Pode que deste xeito tamén vos deamos algunha idea para que o Apalpador, Papá Noel ou os Reis Magos acerten cos seus agasallos.

Pero, que é o advento?

O advento é o período inmediatamente anterior ao Nadal contado dende catro domingos antes. Na tradición cristiá marca o tempo de preparación para a celebración do Nadal.

E os calendarios de advento?

As orixes dos calendarios de advento remóntanse á Alemaña do século XIX onde moitas familias evanxelistas acendían unha candea por cada domingo deste periodo. Neste ano 2020 o advento comeza o domingo 29 de novembro.

Nos nosos días os calendarios de advento adoitan comezar a conta atrás dende o 1 de decembro ata o día de Noiteboa e serven para que os nenos e nenas saiban cantos días faltan para Nadal.

Porén, hoxe atopamos calendarios de advento para todas as idades que poden conter obxectos tan diversos como chocolates, queixos, produtos de beleza e hixiene, infusións, xoguetes…

O noso Bibliocalendario de advento:

Na biblioteca queremos elaborar este ano o noso propio Bibliocalendario de advento para descubrir cada día entre o 1 e o 24 de decembro algúns dos tesouros relacionados co Nadal que podedes atopar nos nosos andéis.

Cada día faremos unha publicación na páxina de Facebook para destacar un conto, unha película, un disco, unha novela, un manual… que vos servan para recuperar a ilusión por este Nadal que se presenta tan estrano.

Seguídenos en Facebook e compartide as publicacións cos vosos contactos para chegar a máis persoas!

Preme no enlace para acceder á nosa páxina: Biblioteca Pública Municipal de Narón.

 

 

Etiquetas: 
Nadal
Bibliocalendario de advento
Seleccións