Obradoiro de decoración para o Día da biblioteca

Data: 
sábado, 5 de Outubro de 2019
Lugar: 
Biblioteca Pública Municipal de Narón e Axencia de lectura da Gándara

Entre todos e todas elaboramos a decoración da nosa carpa para a celebración do Día internacional da biblioteca

Como sabedes, cada 24 de outubro conmemórase en todo o mundo o Día internacional da biblioteca. Esta é para nós unha xornada festiva que cada ano queremos compartir con vós.

Proximamente presentarémosvos a programación especial para todo o mes de outubro, pero xa podemos adiantarvos que a festa máis grande será o sábado 19. Ao igual que en anos anteriores, ese día colocaremos na Praza de Galicia unha gran carpa onde celebrar diferentes actividades para todas as idades.

Queremos que a carpa sexa un espazo de todos e todas e que poidades sentir que vos pertence, por iso convidámosvos a participar na elaboración dos elementos que a decorarán.

A temática principal das celebracións deste ano será o coidado e protección do medio ambiente. Os elementos decorativos que imos elaborar están tamén en consoancia con esta temática e estarán realizados con materiais de refugallo.

Para facilitar a participación de todas as persoas faremos dobre xornada de obradoiro:

  1. O sábado 5 de outubro na Biblioteca central. Entre as 10:30 e as 12:30.
  2. O martes 8 de outubro na Axencia de lectura da Gándara (Casa da Mocidade). Entre as 17:00 e as 19:00.

 

Non é necesaria inscrición previa para esta actividade.

Dentro do horario establecido cada persoa pode chegar e marchar cando mellor lle conveña.

Os nenos e nenas deberán quedar acompañados/as dunha persoa adulta.