Celebramos xuntos o Día da Biblioteca

Lunes, 15 de Octubre de 2012

Dende o ano 1997 vense celebrando o Día da Biblioteca cada 24 de outubro. A iniciativa surxiu da “Asociación Española de Amigos del Libro infantil y Juvenil”, que é a encargada de celebrar en España esta data.

Na BPM de Narón queremos conmemorar a data cunha "Xornada de portas abertas", que terá lugar o sábado anterior, 20 de outubro:

A actividade consistirá nunha visita guiada por todo o edificio que alberga a biblioteca, de maneira que podades coñecer os espazos aos que xeralmente non tedes acceso. En cada espazo en concreto explicaremos as tarefas bibliotecarias que se realizan e que non vedes directamente: selección de fondos, catalogación, preparación física dos documentos, encadernación, arquivo…

Ademáis, nos espazos en libre acceso aproveitaremos para darvos as nocións básicas de organización do fondo e das normas xerais de uso. Repasaremos tamén todos os servizos que a biblioteca ofrece, para aqueles usuarios que descoñezan algún deles.

A actividade está destinada a usuarios maiores de 14 anos, e será necesaria unha inscrición previa nalgún dos tres turnos (10:00-11:00, 11:00-12:00 ou 12:00-13:00), que terán un límite de 15 persoas. As plazas otorgaranse por orde de inscrición.