Ir a portada
Idioma español    Idioma Galego
 

Os libros crean mundos. Tanto o autor ou autora como o lector ou lectora abren portas a novos territorios e a experiencias únicas. Nos libros, hoxe xa nos seus diferentes formatos, atesouramos desde hai séculos todo o saber humano, e tamén todos os sentimentos.

Escribía o romano Marcial no século I, "canto máis lemos, máis crecemos" e, ao meu xuízo, ninguén expresou ata agora tan ben como él a importancia de ler para a vida de cada un.

A biblioteca pública municipal de Narón foi un dos primeiros equipamentos culturais dos que dispuxemos, hai xa trinta anos. Desde aquela, fomos quen de mellorala, dotala dun espazo céntrico, amplo, aberto e luminoso e, sobre todo, enriquecela cada ano con novos fondos que, en moitas ocasións, deciden segundo as súas necesidades, prioridades e gustos os propios usuarios e usuarias.

As bibliotecas públicas son importantes ferramentas educativas e culturais. Facilitan o acceso equitativo ao mundo dos libros e son insubstituíbles para os estudantes.

Non é allea aos naroneses e naronesas a ansia de facer co noso traballo un mundo mellor. Por iso, as políticas de fomento do acceso á cultura en igualdade son unha prioridade deste Concello.

María del Carmen Espada Cortizas

Concelleira de Ensino e Bibliotecas do Concello de Narón

Biblioteca Municipal de Narón - Aviso legal
Ir a portada Ir a portada